Concello de Narón
Novas
O ESTADIO DE RÍO SECO E O PAVILLÓN DAS LAGOAS ACOLLEN AS ACTIVIDADES DO PLAN CORRESPONSABLES NO DEPORTE
O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou esta mañá o evento no Concello xunto con Abraham Yáñez, delegado en Ferrolterra da Real Federación Galega de Fútbol, e Martina Aneiros, delegada territorial da Xunta en Ferrol
Narón, 3 de setembro de 2024. O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou esta mañá no Concello xunto con Abraham Yáñez, delegado en Ferrolterra da Real Federación Galega de Fútbol, e Martina Aneiros, delegada territorial da Xunta en Ferrol, unha nova edición do Plan Corresponsables no deporte, en cuxas actividades poderán participar uns 80 nenos e nenas da comarca ata mediados de novembro. A RFGF impulsa esta iniciativa de animación sociodeportiva na que colabora o Concello de Narón. Santalla recordou que as actividades, iniciadas este mes e que continuarán en outubro e novembro, desenvólvense en dúas instalacións municipais, o estadio de Río Seco e o pavillón polideportivo das Lagoas. O edil naronés destacou o feito de poder colaborar neste tipo de iniciativas “claramente enfocadas dende unha perspectiva da Igualdade de xénero e que aposta por fomentar a práctica deportiva entre as nenas e nenos, ao tempo que facilitar a conciliación ás familias”. O edil agradeceu o apoio da Xunta e a confianza depositada pola RFGF para desenvolver este plan un ano máis na cidade. Dende a RFGF, Abraham Yáñez, agradeceu a colaboración da Xunta e Concello e destacou a importancia de “ofrecer ás nenas e nenos un entorno para a práctica lúdico-deportiva nunha política de conciliación e donde na Federación poñemos o noso esforzo para que desfruten do fútbol e do fútbol sala”. Yáñez recordou que a proposta, con carácter de balde e dirixida a menores 6 a 16 anos, mantén aínda aberto o prazo de inscrición, podendo tramitarse a través do correo electrónico: corresponsables@futgal.es. Finalmente, a delegada territorial da Xunta en Ferrol agradeceu á RFGF e ao Concello “a organización destas actividades deportivas que xurden do Plan Corresponsables, respaldado pola Xunta a través da Consellería de Política Territorial e Igualdade e a de Presidencia, Xustiza e Deportes co obxectivo dobre de favorecer a conciliación e fomentar a práctica deportiva entre menores de 6 a 16 anos”. Dende as administracións e a RFGF animouse ás familias a inscribirse nesta iniciativa.
www.naron.es