Concello de Narón
Novas
O ESTADIO DE RÍO SECO ACOLLERÁ ESTA FIN DE SEMANA O "IX TORNEO INTERNACIONAL CIDADE DE NARÓN" DE FÚTBOL 8
O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou hoxe o evento no Concello xunto con Nicolás Manso, vicepresidente da Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa Narón O Freixo, e o coordinador da convocatoria, Juan Carlos Vázquez
Narón, 6 de setembro de 2024. O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou hoxe no Concello xunto con Nicolás Manso, vicepresidente da Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa Narón O Freixo, e o coordinador da convocatoria, Juan Carlos Vázquez, a novena edición do Torneo Internacional Cidade de Narón de fútbol 8 que se desenvolverá mañá e o domingo no estadio municipal de Río Seco. Santalla explicou que este torneo base se disputará nas categorías de alevín e benxamín e se xogará en catro campos de fútbol 8, dous de herba artificial e outros dous de herba natural. No torneo participarán un total de 42 equipos, dos que 22 serán de alevíns e os 20 restantes de benxamíns. Os primeiros partidos, na xornada de mañá, disputaranse a partir das 13:00 horas e ao longo de todo o día, ata aproximadamente as 22:45 horas. O domingo retomaranse ás 11:00 horas e rematarán ás 20:35 horas, tras disputarse as finais. Dende o club destacaron o feito de que entre os equipos estean presentes, apoiando este torneo o FC Oporto, que trae por vez primeira a un internacional ao evento; e outros como o Celta de Vigo ou o Deportivo. Así mesmo, o club e o Concello animaron á cidadanía a achegarse a desfrutar deste torneo e apoiar aos deportistas que participarán no mesmo. Pola súa banda, o edil naronés agradeceu o labor do club local por organizar novamente esta convocatoria e tamén o respaldo da Real Federación Galega de Fútbol, por colaborar no mesmo.
www.naron.es