O PADROADO DE DEPORTES ABRIRÁ MAÑÁ O PRAZO DE INSCRICIÓN NAS ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS
As veciñas e veciños de Narón poderán matricularse dende o 9 de setembro e as persoas doutros concellos a partir do día 16 deste mes
Narón, 8 de setembro de 2024. O prazo de inscrición nas actividades das Escolas Deportivas do Padroado de Deportes para o curso 2024-2025 abrirase mañá luns para as veciñas e veciños de Narón e o vindeiro 16 de setembro para as persoas empadroadas noutros concellos. Así o anunciou o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, que recordou que as inscricións se deben tramitar nas oficinas do complexo polideportivo da Gándara, de luns a venres en horario de 8:30 a 13:30.
As persoas interesadas en asistir a algunha das escolas deportivas ubicadas no complexo polideportivo municipal da Gándara poden inscribirse en: natación, ximnasia de mantemento, ioga, pilates e musculación. No caso das escolas deportivas exteriores, poderán facelo en: tenis de mesa, remo e xadrez.
As inscricións nas actividades conveniadas con outros clubs: atletismo, balonmán, tiro con arco, fútbol, fútbol sala, baloncesto, piragüismo, golf, boxeo, kick boxing, voleibol, ximnasia rítmica, patinaxe artística, etc. deben realizarse nos propios clubs, podendo informarse tamén sobre as mesmas nas oficinas do pavillón polideportivo da Gándara.