Concello de Narón
Novas
O LOCAL SOCIAL DO ALTO ACOLLERÁ ESTE SÁBADO O "IV TORNEO PROMOCIÓN DE XADREZ"
O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou esta mañá o evento xunto con Juan Manuel Caneiro e Luisa García, presidente e vicepresidenta respectivamente do Círculo Xadrez Narón
Narón, 16 de setembro de 2023. O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentou esta mañá con Juan Manuel Caneiro e Luisa García, presidente e vicepresidenta respectivamente do Círculo Xadrez Narón, a cuarta edición do Torneo promoción de xadrez –circuíto galego- que se desenvolverá este sábado, día 21, no centro cívico social do Alto do Castiñeiro. O prazo de inscrición neste evento permanecerá aberto ata este xoves, día 19, ás 12:00 horas, podendo tramitalas a través da web: www.xadreznaron.es. A Federación Galega de Xadrez organiza a convocatoria co Círculo xadrez Narón e o Concello de Narón, contando coa colaboración doutras entidades e empresas. Os representantes do club local indicaron que se trata dun evento dirixido a nenas e nenos, para os que se estableceron as categorías sub 8 (promesas), sub 10 (benxamíns), sub 12 (alevíns) e sub 14 (infantís) e recordaron que para poder participar é preciso estar federado na tempada actual. A día de hoxe está confirmada a asistencia de xogadores de xadrez locais e tamén procedentes doutros concellos. As diferentes roldas, un total de sete, comezarán a xogarse ás 11:00 e sucederanse cada hora pola mañá ata as 13:00 e pola tarde de 16:00 a 19:00 horas, estando previsto o remate da convocatoria e a entrega de premios sobre as 20:00 horas, tal e como indicaron dende o club local. Haberá trofeos para os cinco primeiros clasificados de cada categoría, medallas para todos os participantes e tamén se repartirán agasallos entre os participantes trala realización dunha serie de sorteos. O concelleiro de Deporte, Ibán Santalla, valorou o feito de que un ano máis se celebre na cidade este torneo e animou a inscribirse no mesmo a todas as persoas interesadas. Así mesmo, felicitou ao club local polo labor que desenvolve ao longo do ano e animouno a continuar traballando na actual tempada ao igual que nos últimos anos.
www.naron.es