ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDE DE SUBVENCIÓNS PARA CLUBS E ENTIDADES DEPORTIVAS DE ÁMBITO MUNICIPAL
O edil de Deportes, Ibán Santalla indicou que se poderán tramitar ata o vindeiro 11 de outubro
Narón, 30 de setembro de 2024. O Concello de Narón abriu o prazo de solitude de subvencións a clubs e entidades deportivas de ámbito municipal correspondentes ao exercicio 2024. O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 11 de outubro (incluído). Os clubs e entidades deportivas de ámbito municipal interesados en acollerse a esta liña de subvencións deberán cumprir os requisitos establecidos na Ordenanza municipal reguladora da concesión de subvencións e axudas públicas do Concello de Narón –publicada no BOP nº 2 do 3 de xaneiro de 2018-. O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, informou que a partida reservada para estas subvencións é de 75.000 euros.
Poden optar a estas subvencións clubs e entidades deportivas, sen ánimo de lucro, debidamente rexistradas na cidade, para o desenvolvemento das súas actividades no ámbito municipal que reúnan os requisitos esixidos. As subvencións deben solicitarse a través da Sede Electrónica do Concello de Narón.
O edil naronés recordou, en relación á área de Deportes, que na xornada de mañá martes darán comezo os cursos das Escolas deportivas municipais, no horario estipulado para cada unha das actividades.