A ALCALDESA REUNIUSE CO SECRETARIO XERAL PARA O DEPORTE E SOLICITOU A COLABORACIÓN DA XUNTA PARA INSTALACIÓNS E NOVAS INFRAESTRUTURAS
Marián Ferreiro acudiu á reunión con José Ramón Lete acompañada polo edil de Deportes, Ibán Santalla
Narón, 29 de xaneiro 2025. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, desprazáronse este mediodía a Santiago para reunirse co secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, e plantexarlle varios proxectos da cidade nesta área, co fin de acadar a colaboración da administración autonómica para a cofinanciación dos mesmos.
Unha das actuacións que a rexedora local puxo sobre a mesa foi a construción dun módulo cuberto de atletismo no estadio de Río Seco, unhas instalacións nas que nos últimos anos dende o Concello se realizaron importantes investimentos co fin de poder homologar as pistas. A finais do pasado mes de xaneiro adxudicouse o proxecto de reforma das mesmas, unha actuación á que o Consistorio destinará algo máis de 130.000 euros. As obras a realizar afectarán á pista de atletismo e aos espazos destinados a probas de lanzamento de peso, de martillo e disco e ao peche perimetral das pistas de atletismo, segundo consta no proxecto. Nese mesmo complexo deportivo, trasladóuselle ao representante da administración autonómica o proxecto de ampliación dos vestiarios.
A maiores, Ferreiro informou tamén a Lete do proxecto do Concello de habilitar un espazo cuberto na zona de Xuvia para que os usuarios e usuarias do Club de Piragüismo Narón poidan gardar as embarcacións. Unha actuación moi necesaria para esta entidade deportiva da cidade, comprometida dende o Consistorio e que supón tamén un importante investimento ás arcas municipais. No transcurso da xuntanza abordáronse tamén outras actuacións previstas dende o goberno local nesa área, co fin de analizar a viabilidade de contar coa colaboración da Xunta de Galicia para a súa materialización.
Ferreiro valorou a cordialidade da xuntanza e a receptividade de Lete para escoitar as propostas formuladas dende o Consistorio. “Queremos continuar mellorando e incrementando as infraestuturas e equipamentos deportivos da nosa cidade e por iso, ao igual que noutros concellos, consideramos que a Xunta tamén ten que implicarse coas nosas veciñas e veciños”, recalcou a alcaldesa.