Concello de Narón
Novas
ENTREGA DE DIPLOMAS DO II CURSO DE SOCORRISMO ACUÁTICO PROFESIONAL
Un total de 22 persoas finalizaron con éxito este curso profesional.
Narón, 7 de Xullo de 2011.- O Alcalde de Narón, Xosé Manuel Blanco, e a Concelleira de Deportes de Narón, Natalia Hermida, entregaron hoxe os diplomas correspondentes ó II Curso de Socorrismo Acuático Profesional, realizado polo Grupo de Investigación en Actividades Acuáticas e Socorrismo (GIAAS) da Universidade de A Coruña en colaboración co Padroado de Deportes de Narón. Un total de 22 alumnos/as superaron con éxito este curso –dos 29 matriculados inicialmente- que se desenvolveu do 4 de marzo de 2011 ó 8 de maio de 2011, cun total de 114 horas de carga lectiva. O coordinador do GIAAS, José Palacios, destacou o éxito deste curso, que xa vai pola súa segunda edición. “No ámbito do socorrismo, non hai paro en verán” destacou Palacios, quen felicitou ó Concello por “ter invertido esforzo e cartos nestos cursos, porque mediante eles formáronse a 22 persoas en salvar vidas”. O Alcalde de Narón, Xosé Manuel Blanco, declarou que o Concello ten a obriga de contribuir á especialización das persoas para que poidan estar preparadas cara á demanda laboral, e que nese camiño atópase o Concello dende fai anos. A este respecto, puxo coma exemplo o Curso de Socorrismo xa que os alumnos/as que remataron con éxito o mesmo están xa preparados para traballar nun ámbito tan específico coma este. Pola súa banda, a Concelleira de Deportes de Narón, Natalia Hermida, calificou coma "un éxito esta iniciativa, que suscitou máis interese aínda que o ano pasado". A edil confirmou a intención do Concello de Narón de continuar colaborando coa Universidade da Coruña, e ampliar o abano da oferta deportiva do Padroado de Deportes de Narón.
www.naron.es