Concello de Narón
Novas
O 37 RALLY CIDADE DE NARÓN ORGANIZADO POLO CONCELLO E A ESCUDERÍA SIROCO NARÓN CELEBRARASE O 23 E 24 DE MAIO
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, Ibán Santalla, presentaron o cartaz do evento acompañados por Antonio Sueiras e Ramiro Fandiño, presidente e vicepresidente respectivamente da Escudería Siroco Narón, entre outros integrantes da entidade e patrocinadores da proba
Narón, 10 de abril de 2025. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, Ibán Santalla, asistiron á presentación do cartaz do “37º Rally Cidade de Narón”, que tivo lugar no Centro Comercial Odeón. Na convocatoria estiveron tamén presentes o presidente e o vicepresidente da Escudería Siroco Narón, Antonio Sueiras e Ramiro Fandiño, respectivamente; José Ramón Padín, Patricia Lagoa e Gonzalo Fernández, secretario, secretaria e vogal respectivamente da Escudería e outros representantes da mesma; Martina Aneiros, delegada territorial da Xunta en Ferrol; Cristina Imaz, xerente de Odeón, e patrocinadores do evento, Alberto Barro, de Gonnaba Construcciones y Reformas, e David Grandal, de Pinturas Grandal. O prazo de inscrición neste rally abrirá o vindeiro luns, día 14, podendo obter toda a información ao respecto a través da Escudería Siroco Narón. A proba deportiva disputarase o día 24 de maio, se ben na xornada previa, o 23, haberá un shakedown polas inmediacións da parroquia de San Xiao, en Narón, nun tramo de 2,76 quilómetros nos que equipos e pilotos poderán axustar os seus vehículos, tal e como indicaron dende a organización. O día 24 desenvolverase a competición, que tal e como destacou Ferreiro, é a terceira proba puntuable para o Campionato de España de Rallyes (CERA-Recalvi), mantendo por quinto ano consecutivo a súa presenza no calendario nacional. Os participantes percorrerán algo máis de 418 quilómetros, dos que 119,78 serán cronometrados. Estes últimos están distribuídos en cinco tramos, a percorrer en horario de mañá e tarde e que discurrirán polos concellos de Narón, San Sadurniño, Moeche, Cerdido, As Somozas e, tamén este ano, Valdoviño. “O Rally Cidade de Narón é un dos eventos máis importantes do calendario deportivo da cidade”, asegurou a alcaldesa, Marián Ferreiro, ao tempo que puxo en valor o traballo “que dende hai tantos anos leva facendo a Escudería Siroco Narón para que esta proba deportiva se manteña no tempo e mellore ano tras ano, tendo na actualidade un importante recoñecemento non só a nivel autonómico senón tamén estatal”. A rexedora local quixo tamén agradecer o labor de todas as persoas dos diferentes equipos, persoal de seguridade e sanitario, voluntariado… que velarán para que a proba se desenvolva coas máximas garantías de seguridade tanto para os pilotos e copilotos como para os afeccionados que acudirán como público.
www.naron.es