O LOCAL SOCIAL DA SOLAINA ACOLLERÁ ESTA SEMANA UN CAMPIONATO ADAPTADO E OUTRO INCLUSIVO DE TENIS DE MESA
O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e o presidente do Club Tenis de Mesa Narón, Fernando Montero, presentaron os dous eventos deportivos
Narón, 15 de abril de 2025. O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e o presidente do Club Tenis de Mesa Narón, Fernando Montero, presentaron a vixésimo terceira edición do Campionato galego adaptado e a segunda do inclusivo de tenis de mesa que se desenvolverán esta semana, o xoves e o venres, no local social da Solaina. As probas levaranse a cabo nas dúas xornadas entre as 9:00 e as 18:00 horas, tal e como indicaron dende a organización.
O xoves terá lugar unha proba inclusiva con equipos integrados por tres xogadores/as, dos que un/ha terá algún grao de discapacidade. “O tenis de mesa é xa de por si un deporte inclusivo, no que as persoas con discapacidade xogan e adestran de xeito frecuente todo tipo de competicións, ao non xogar un papel determinante o factor físico”, apuntou Montero. Na xornada do venres a competición será exclusivamente adaptada para persoas con discapacidade.
O presidente do Club de Tenis de Mesa Narón avanzou que este ano acudirán á proba destacados xogadores, como o paraolímpico coruñés Alberto Seoane, ou unha das futuras promesas da disciplina, a xogadora do CTM Mos, Martina Sande. A nivel local participarán o varias veces campión galego Juan Monzón e na proba inclusiva un dos equipos estará formado polo actual campión galego absoluto, Santiago Otero, e unha das vixentes campionas da Copa da Raíña e das mellores absolutas do momento, a naronesa Sofía Couce.
O concelleiro de Deportes incidiu na importancia “de continuar traballando pola plena inclusión social, neste caso a través da área de deportes” e destacou o labor que nesta liña se leva a cabo tanto dende o Concello como desde os clubs deportivos da localidade.