Concello de Narón
Novas
O CONCELLO ORGANIZOU CATRO NOVAS ANDAINAS A TRAVÉS DA OITAVA EDICIÓN DO PROGRAMA "PONTE EN RUTA CON NÓS"
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentaron as diferentes camiñatas
Narón, 16 de abril de 2025. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, presentaron esta mañá a oitava edición do programa municipal Ponte en ruta con nós, organizado polo Concello a través do Padroado de Deportes. Esta nova edición contempla un total de catro saídas dende o vindeiro 27 de abril ata o 15 de xuño, incluídos. “Trátase dunha iniciativa que ten moi boa acollida entre as veciñas e veciños e a través da que tratamos de dar a coñecer o patrimonio natural e cultural da cidade e, por extensión, tamén da comarca”, asegurou Santalla. A primeira das andainas, o 27 deste mes, será pola Pena Molexa e a senda Ártabra, abrindo o prazo de inscrición o vindeiro luns, día 21, ata o 23 de abril. Trátase neste caso dunha ruta circular con inicio e fin na Cooperativa do Val –con saída ás 9:30 horas- e que consta de algo máis de 13 quilómetros de percorrido, con dificultade media-alta e vistas á Pena Molexa, Pena Lopesa, o Campo do Avial, O Casal, Vilarquinte e o monte da Lagoa. O día 11 de maio programouse unha andaina con motivo da romaría da Virxe da “O”, neste caso con saída en bus -9:30 horas- do local social da Pombiña, en Pedroso, cara ao mosteiro do Couto, dende onde se iniciará o percorrido. A ruta discurrirá polas inmediacións do río Xuvia ata Pedroso, onde se celebra nesa xornada a tradicional romaría. O prazo de inscrición será do 5 ao 7 de maio, incluídos. As dúas últimas andainas deste programa son para realizar o camiño a Santo André de Teixido. Os días 8 e 15 de xuño as persoas que queiran realizala poderán facelo en dúas etapas, unha con saída do mosteiro do Couto ata Porto do Cabo, xa no concello de Valdoviño e con regreso en bus, o primeiro día, e outra o 15 con saída en bus dende A Gándara cara a Porto do Cabo para iniciar a segunda etapa, ata chegar ao santuario cedeirés, para regresar en bus ao pavillón da Gándara. En ambos casos deberán anotarse entre os días 2 e 4 de xuño. As persoas que participen deberán estar no punto de saída 20 minutos antes, por cuestións de organización. As inscricións, cun custe de 5 euros por persoa, tramítanse nas oficinas do Padroado de Deportes de Narón, no número 148 da estrada da Gándara, en horario de 8:30 a 13:00 horas no prazo establecido para cada unha das saídas. Así mesmo, dende o Concello informouse que o número de prazas está limitado a 150 e que os menores de 18 anos deben ir acompañados de pai/nai ou titor/a. Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 387 522. “Queremos fomentar tamén o deporte ao aire libre, con rutas deseñadas con diferentes graos de dificultade e pensadas para promover estilos de vida saudables e evitar o sedentarismo”, apuntou Ferreiro. A alcaldesa animou ás veciñas e veciños a apuntarse nestas andainas, que son xa todo un clásico na programación da área de deportes da cidade”.
www.naron.es