Concello de Narón
Novas
UNHAS 500 DEPORTISTAS PARTICIPARÁN ESTE DOMINGO NA II FASE DA LIGA PROVINCIAL DE XIMNASIA RÍTMICA NO PAVILLÓN POLIDEPORTIVO DA GÁNDARA
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, Ibán Santalla, presentaron o evento con Izaskun Hernáez, presidenta do club Acordes Narón
Narón, 8 de maio de 2025. O pavillón polideportivo da Gándara acollerá este domingo, día 11, a segunda fase da Liga provincial da Coruña de ximnasia rítmica. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou o evento xunto co edil de Deportes, Ibán Santalla, e a presidenta do club Acordes Narón, Izaskun Hernáez. Na convocatoria, que se desenvolverá individual e en conxuntos nas modalidades escolar, promoción e prebase, participarán unhas 500 ximnastas, tal e como indicaron dende o club local. A Federación Galega de Ximnasia, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña colaboran co Club Acordes Narón e o Concello de Narón na organización deste evento deportivo. A competición dará comezo ás 10:00 horas e haberá dúas pola mañá e outras tantas pola tarde, coas súas respectivas entregas de premios ao remate de cada unha delas. O remate do evento está previsto para as 20:00 horas, tal e como figura na programación do mesmo. A maiores de deportistas do Acordes Narón (benxamín e alevín escolar; individual promoción alevín e cadete e un conxunto de prebase xuvenil) participarán outras procedentes da Compañía de María, do CDR As Pontes, do colexio internacional Obradoiro, Viravolta Santiago, Ximnasia Rítmica Abegondo, Ximnasia Rítmica Compostela, Esquío, Rítmica Coruña, Club Squadra Boqueixón, Rítmica Ausarta, Acordes Pontedeume, entre outros. A alcaldesa da cidade destacou o feito de poder desenvolver este evento na localidade, desexando moita sorte ás deportistas locais. Así mesmo, felicitou ao Acordes Narón pola súa dilatada traxectoria, animando á cidadanía a acudir a ver esta liga provincial para desfrutar do traballo que realizan todas as deportistas, e por extensión os clubs, que participarán na mesma.
www.naron.es