Concello de Narón
Novas
O EQUIPO LIL TEAM, DA ACADEMIA NARONESA PASO A PASO, CAMPIÓN DO MUNDIAL DE HIP HOP COREOGRÁFICO NA CATEGORÍA JUNIOR
A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou o feito de poder celebrar un mundial destas características na cidade e felicitou aos gañadores de todas as categorías
Narón, 11 de maio de 2025. Os integrantes de Lil Team, da academia de baile Paso a Paso de Narón, alzáronse na noite de onte co primeiro premio do Campionato do mundo de hip hop coreográfico que se celebra esta fin de semana no Pazo da Cultura. A alcaldesa, Marián Ferreiro, felicitou aos gañadores ao remate do evento, cos que conversou sobre esta experiencia, que suma un novo éxito para a citada agrupación de baile. O Concello e o Club Baile Deportivo Narón organizan este primeiro mundial de hip hop coreográfico, no que participan uns 800 deportistas procedentes de diversos países. Na tarde de onte celebrouse a Liga Xunta de Galicia de hip hop, en horario de mañá e tarde nas diferentes categorías. Ao remate da mesma deu comezo a cerimonia do WDSF Campionato do mundo de hip hop, co traslado da bandeira ao escenario do Pazo e a chegada dos participantes, que deu paso ao inicio das competición. A última hora da tarde disputáronse as finais das categorías Junior small, adult mega e junior large e finalmente procedeuse á entrega de premios, na que participaron, entre outros, a alcaldesa, Marián Ferreiro; o secretario xeral da WDSF, Sergey Nifontov; o presidente da FEBD, Luis Vañó. Na categoría junior large, os naroneses Lil Team alzáronse co primeiro premio, se ben o segundo foi para Jungle, de Francia, e o terceiro para os tamén españois Get down. No caso da categoría de adult mega, os campións foron Da family e o segundo e terceiro posto foron para Havana nights e Humans in motion, nos tres casos de agrupacións estatais. E na categoría junior small os campións foron Beat it, de España, o segundo premio para Red hats, de Chipre, e o terceiro para Magic Feet, tamén españois. As federacións mundial e estatal agradeceron a implicación do Concello de Narón e o CBD Narón con este evento deportivo, valorando o feito de que se levase a cabo na cidade, cunha ampla traxectoria no ámbito deportivo. Pola súa banda, a rexedora local agradeceu a confianza das federacións mundial, estatal e autonómica para elixir Narón como sede deste primeiro mundial de hip hop e tamén o labor dos xuíces asistentes e do CBD Narón. Así mesmo, recalcou que se trata dun campionato “que é posible grazas aos clubs que participades a todas e todos os deportistas e equipos técnicos e, como non, a todas esas persoas que entre o público estades apoiando e animando aos rapaces e rapazas”. Ferreiro subliñou que é “un honor e un feito que formará sempre parte da nosa historia que o primeiro campionato mundial de hip hop coreográfico se desenvolvese na nos acidade”.
www.naron.es