Concello de Narón
Novas
O CONCELLO ACOLLEU HOXE UNHA REUNIÓN DE SEGURIDADE CON MOTIVO DA PRÓXIMA CELEBRACIÓN DO 37 RALLY CIDADE DE NARÓN
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu a xuntanza, na que participaron persoal de diferentes departamentos municipais, da Garda Civil e da Policía Nacional
Narón, 12 de maio de 2025. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu este mediodía unha reunión de seguridade programada con motivo da celebración, o día 24 de maio, da 37 edición do Rally Cidade de Narón. Os edís de Seguridade Cidadá, José Oreona, e Deportes, Ibán Santalla, participaron na convocatoria, na que estiveron tamén o oficial de Prevención do SPEIS, Simón Cabarcos, o oficial da Policía Local de Narón, José Antonio Carballido; Jorge Prado, presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Narón; o coordinador xeral do rally, Ramón Padín xunto con Ramiro Fandiño, Marcos Castro e Gonzalo Fernández, xefe de Seguridade do rally, responsable de seguridade en base e responsable de protocolo e prensa, respectivamente; o xefe da demarcación de Tráfico de Ferrol, Javier Dopico, e outros responsables do Corpo e tamén da Policía Nacional de Ferrol-Narón. No transcurso da xuntanza abordáronse os temas relativos á seguridade do evento, que comezará o venres 23 cun shakedown pola parroquia de San Xiao, nun tramo de 2,76 quilómetros nos que equipos e pilotos poderán axustar os seus vehículos. Así mesmo, conxuntamente repasaron os plans de seguridade de todos os tramos cronometrados, cinco en total: As Cortiñas, As Enchousas, Santa Cristina, As Barcelas e Sedes. Os participantes no rally percorrerán un tramo de 418 quilómetros o sábado, dos que 119,78 serán cronometrados e que discurrirán polos concellos de Narón, San Sadurniño, Moeche, Cerdido, As Somozas e, tamén este ano, Valdoviño.
www.naron.es