Concello de Narón
Novas
O PADROADO DE DEPORTES ABRIRÁ DO 2 AO 23 DE XUÑO O PRAZO PARA QUE CLUBS E ENTIDADES SOLICITEN O USO DE INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS
O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, recordou que o comezo de uso será a partir do vindeiro mes de setembro
Narón, 29 de maio de 2025. O Padroado de Deportes de Narón abrirá do 2 ao 23 de xuño o prazo para que as entidades e clubs deportivos soliciten o alugamento para uso de instalacións deportivas municipais para adestramentos e partidos oficiais. Así o indicou o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, que recordou que o comezo do uso das instalacións solicitadas será a partir do vindeiro mes de setembro e recordou que os clubs e entidades que teñen asinados convenios co Concello tamén deberán presentalas, cos horarios que tiveron na actual tempada ou solicitando cambios no caso de que así o precisen. O complexo polideportivo municipal da Gándara, os pavillóns das Lagoas, Campo da Serra, A Solaina, Piñeiros, Castro, Sedes, O Val, o pavillón da Mocidade o ximnasio do pavillón da Gándara, o estadio de Río Seco, o campo de fútbol de herba artificial do Val e o do Cadaval, o campo de fútbol de San Mateo, as pistas de atletismo.. figuran entre as instalacións que se poden solicitar. As entidades interesadas deben presentar as solicitudes a través da Sede Electrónica, do rexistro municipal ou do rexistro auxiliar de Deportes. É preciso presentar unha solicitude por cada unha das instalacións que se queren utilizar, podendo ser os días de inicio de actividade diferentes en cada unha delas, en función da dispoñibilidade. Os impresos poden retirarse nas oficinas do complexo polideportivo municipal da Gándara ou descargase a través do enlace: https://deportes.naron.gal/web/docs/Solicitude-instalacions-deportivas.pdf.
www.naron.es