ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NA CANDAINA QUE SE CELEBRARÁ ESTE MES NO PASEO MARÍTIMO DE XUVIA
A alcaldesa presentou o evento acompañada polo edil de Deportes, Ibán Santalla, Iria Saavedra, tesoureira da asociación Cometa, e Pablo López, integrante do Club Deportivo 21 Leguas
Narón, 5 de xuño de 2025. O paseo marítimo de Xuvia acollerá o vindeiro 22 deste mes unha nova edición da Candaina organizada polo Concello , a Asociación Cometa e o Club Deportivo 21 Leguas. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, Ibán Santalla, presentaron hoxe a programación acompañado por Iria Saavedra, tesoureira de Cometa, e Pablo López, integrante do Club Deportivo 21 Leguas. As persoas que desexen acudir poden inscribirse ata o 17 de xuño a través da web: www.321go.es, onde se poden consultar as bases de participación ao completo.
O evento presenta dúas modalidades, unha carreira, que dará comezo ás 10:30 horas, e unha andaina, con saída uns minutos máis tarde, en ambos casos do paseo de Xuvia e cun percorrido de 7.000 metros por Freixeiro, Cornido, un tramo do Camiño Inglés, o muíño das Aceas.... O custe da inscrición é de 8 euros, contía coa que se entregará un paquete de benvida e que se doará integramente á asociación Cometa, para o coidado dos animais, podendo tamén elixir a opción do dorsal solidario, podendo facer o ingreso no numero de conta ES46 2080 5204 1530 4000 6980 (Abanca), da Asociación Cometa.
En caso de problemas de comportamento ou socialización os cans deberán ir con boceira e poderán participar tamén os rexistrados como potencialmente perigosos sempre que cumpran os requisitos normativos e de seguridade. Todos os cans deben ir durante o evento suxeitos cunha correa.
A programación da xornada comezará antes, ás 9:30 horas, momento no que se presentará o evento e haberá unha sesión a cargo de DJ Muns. Haberá tamén unha exhibición canina a cargo do Tercio Norte, a partir das 12:45 horas, e ao mediodía, unha sesión vermú dende as 13:30 horas a cargo de Jorgeduckling.
A maiores tal e como indicaron dende a organización, haberá varios sorteos de agasallos cedidos á asociación, aos que agradecen a súa colaboración neste evento. O pasado ano, tal e como recordou Iria Saavedra, recadáronse 3.000 euros, unha contía que lles permitiu realizar algunha obra nas instalacións de Cometa e tamén ofrecer tratamento médico a algúns animais, entre outras accións que se poderán ver proximamente nun vídeo que se publicará nas redes sociais da entidade. Na actualidade conta cuns 200 socios, podendo asociarse, ou mesmo adoptar e apadriñar cans as persoas que o desexen (https://asociacioncometa.org/).
Dende o Concello de Narón, o edil de Deportes agradeceu a implicación do Club Deportivo 21 Leguas, que sinalizou e deseñou o percorrido a realizar, entre outras tarefas, e animou á cidadanía a participar nesta nova edición da Candaina. Santalla destacou tamén o labor da asociación Cometa, tanto da directiva como dos socios e socias en xeral, que levan máis de vinte anos traballando polo benestar animal en Narón e noutros concellos da zona. “O ano pasado a Candaina foi un éxito e confiamos en que se repita este ano porque esta protectora de animais, cos voluntarios e voluntarias, realiza un labor que permite dar unha segunda oportunidade aos animais que en ocasións, lamentablemente, sofren abandonos ou maltrato”.