A ALCALDESA RECIBIU NO CONCELLO AOS GRUPOS DE UPA E CBD NARÓN POLOS ÉXITOS ACADADOS NO CAMPIONATO DO MUNDO DE DANZA COREOGRÁFICA
Marián Ferreiro, acompañada do edil de Deportes, Ibán Santalla, felicitou novamente aos integrantes dos grupos
Narón, 21 de xuño de 2025. A alcaldesa, Marián Ferreiro, recibiu a última hora da tarde de onte no salón de plenos do Concello, acompañada polo edil de Deportes, Ibán Santalla, aos integrantes dos grupos Revolution UPA, Arroutada e Sweet Upa, do club Un Paso Adelante, e de Forever Narón e Narón Kids, do Club Baile Deportivo Narón tralos éxitos acadados no Campionato de mundo de danza coreográfica celebrado recentemente en Braga (Portugal) e que a rexedora local presenciou no seu día.
En cando a Un Paso Adelante, o grupo Revolution UPA alzouse co premio de campión do mundo youth small team, Arroutada obtivo o terceiro posto na categoría senior small team e Sweet UPA acadou o sexto posto na categoría junior small team. As persoas que integran os grupos, acompañadas da súa adestradora e directora da citada academia de baile, Sandra García, contaron a súa experiencia neste e noutros campionatos nos que participaron nos últimos meses. A disciplina e a organización foron algunhas das cualidades que destacaron os integrantes dos diferentes grupos para poder acadar o éxito deportivo, tal e como relataron, agradecendo ao Concello a recepción institucional.
No Club Baile Deportivo Narón (CBD) o grupo Forever Narón quedou campión do mundo na categoría senior big team e Narón Kids acadou o primeiro posto na categoría small team adult. Os integrantes destes grupos destacaron tamén o labor dos seus adestradores, Alberto e Román Romero, e contaron á alcaldesa e ao edil de Deportes a súa experiencia en Braga e noutros campionatos. Así mesmo, intercambiaron impresións e recordaron os seus inicios no baile deportivo, e os obxectivos que se marcan de cara aos vindeiros meses. Desprazáronse ao Consistorio cunha das copas obtidas na competición celebrada en Portugal e valoraron o feito de poder celebrar xuntos os éxitos acadados.
A alcaldesa felicitou aos diferentes equipos polos excelentes resultados acadados no campionato do mundo e tamén pola impecable traxectoria tanto de UPA como do CBD Narón nos últimos anos. “É un orgullo e un honor que levedes o nome de Narón aló por onde competides e tamén poder celebrar con todas e todos vós estes premios, moi merecidos e que valoran todo o esforzo e traballo que realizades durante moitas horas”, asegurou. Ferreiro e Santalla entregáronlles uns agasallos institucionais e unha figura dunha bailarina e desexáronlles moitos éxitos nas vindeiras competicións nas que participarán.