Concello de Narón
Novas
A ALCALDESA VISITOU AS INSTALACIÓNS DE RÍO SECO PARA COMPROBAR O AVANCE DAS OBRAS QUE PERMITIRÁN HOMOLOGAR AS PISTAS DE ATLETISMO
Marián Ferreiro e o edil de Deportes, Ibán Santalla, percorreron a zona na que se ultiman os traballos previstos
Narón, 30 de xuño de 2025. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, Ibán Santalla, desprazáronse esta mañá ás instalacións deportivas municipais de Río Seco para comprobar o avance dos traballos de reforma das pistas de atletismo, co fin de proceder á súa homologación, obxecto último do contrato desta actuación. O orzamento dos traballos, tal e como recordou a rexedora local, ascende a 141.335 euros, que se cofinancian coa administración provincial. Operarios da empresa adxudicataria ultiman estes días os traballos pendientes desta intervención para avanzar no camiño da homologación das pistas segundo marca a Real Federación Española de Atletismo co fin de poder realizar competicións federadas desta modalidade deportiva nas infraestruturas existentes. Os traballos consisten na reparación dunha serie de zonas da pista e elementos funcionais, tal e como no seu día indicou un integrante da citada federación. A renovación do pavimento das pistas dende as tanxentes de entrada e saída, da zona frontal ao graderío do pavillón, onde se renovou o pavimento de caucho, e o repintado de todas as rúas –que se prevé levar a cabo en próximas semanas- forman parte desta actuación. A maiores, repintaranse as marcas para o lanzamento de peso, seguindo as especificacións do regulamento vixente e tamén se pintarán as marcas da xaula, para o lanzamento de martillo e disco. Esta zona de lanzamento pavimenouse xa cun material similar ao empregado na renovación das pistas de atletismo. Tamén se cambiarán as marcas do bordo perimetral das pistas, para que faciliten a súa consulta. “O investimento realizado nestas instalacións deportivas permitirá recuperar un espazo para competicións federadas en atletismo na cidade, onde temos unha importante canteira de atletas do Club Atletismo Narón, con deportistas que acadan importantes resultados e que merecen tamén poder competir oficialmente na súa cidade”, asegurou Ferreiro.
www.naron.es