Concello de Narón
Novas
NARÓN ORGANIZARÁ O XXVI MEMORIAL ADOLFO ROS EN DECEMBRO DE 2011, TAL E COMO ESTABA PREVISTO INICIALMENTE
Narón, 13 de Outubro de 2011.- Os Concellos de Narón (organizador da 26ª edición do Memorial Adolfo Ros), Neda, Fene e Ferrol acordaron por unanimidade celebrar a proba de atletismo na data prevista inicialmente, aínda que pode haber unha variación de unha semana (posiblemente será o día 18 de decembro) debido a que, tal e como publicou o BOP, non se concederán permisos para probas deportivas que discurran por estradas o día 11 de decembro, debido á ponte da Constitución. A Concelleira de Deportes de Narón, Natalia Hermida, compareceu hoxe en rolda de prensa acompañada polos ediles de deportes dos outros tres concellos polos que discurre tamén a carreira. A edila naronesa explicou que, aínda que inicialmente tíñase prantexada a posibilidade de trasladala ó mes de marzo de 2012 por motivos económicos, esta proba deportiva se realizará na data prevista, en decembro deste ano. “Ó longo destas últimas semanas recibimos unha morea de peticións, tanto por correo electrónico coma personalmente, de atletas e corredores que nos expresaron o seu desexo de correr o Adolfo Ros neste ano. Nos agradecemos e fixémonos eco destas propostas, que incluían a posibilidade de organizar a carreira sen premios en metálico e cobrando un prezo simbólico pola inscripción, e logo de falalo entre os catro concellos participantes, decidimos organizala tal e como nos prantexaron os propios corredores”, declarou Natalia Hermida. A delegada de Deportes de Narón destacou a vontade dos concellos implicados no Memorial Adolfo Ros, de continuar con esta proba, polo que “decidimos axustar económicamente o orzamento, para poder reducir o coste da proba”. Natalia Hermida explicou que os concellos de Narón, Neda, Fene e Ferrol chegaron a un acordo polo cal se eliminarán os premios en metálico nas vindeiras catro edicións, se reducirán por conseguinte as aportacións económicas de cada concello nun 20%, e estas condicións se manterán alomenos un ciclo completo, é dicir, catro anos. Así, o orzamento do Memorial Adolfo Ros se reducirá de 30.000€ a 18.000€, en comparación co ano 2010. Os concellos reducirán a súa aportación un 20% ó eliminar os premios en metálico (antes fixados en 12.000€). Os concellos de Ferrol, Neda e Fene aportarán 4.321€, 1.726€ e 2.590€ respectivamente, e o Concello de Narón aportará a cantidade restante ó ser o organizador. “A cantidade que finalmente aportará cada concello organizador pode ser menor, polos patrocinios que poida conseguir”, engadíu Hermida. A partir do ano 2012, as aportacións de cada concello se incrementarán nun 5% para compensar o IPC. A aplicación deste acordo manterase ata o ano 2014 incluido. A Concelleira de Deportes de Narón explicou tamén que este ano, por vez primeira, cobrarase a inscrición na categoría absoluta, para que a cifra de inscritos se aproxime o máis posible á de participantes. “Así tamén poderemos axustar os gastos da proba ó máximo, e contribuir deste xeito á súa financiación”, salientou Hermida. O prezo da inscrición na categoría absoluta será de 3 euros, máis outros 2 euros para o alquiler de chip no caso dos atletas que non o teñan en propiedade.
www.naron.es