ABERTO UN PRAZO EXTRAORDINARIO PARA INSCRIBIRSE NAS 21 LEGUAS, OS 101 QUILÓMETROS DE NARÓN
O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, informou que xa se supera o milleiro de participantes nesta proba, que se desenvolverá o 27 de setembro
Narón, 4 de setembro de 2025. A organización das 21 Leguas, os 101 quilómetros de Narón, abriu un prazo extraordinario de inscrición para anotarse nesta proba de ultrafondo do noroeste que se celebrará o vindeiro 27 de setembro. O evento deportivo, que alcanza este ano a súa cuarta edición e que xa supera a barreira dos mil participantes, tal e como indicou o edil de Deportes, Ibán Santalla, tramitará as últimas inscricións mañá, podendo realizalas a través das webs: www.21leguas.es ou www.emesports.es. O Concello e o Club Deportivo Narón 101 organizan a convocatoria.
Os marchadores disporán dun prazo de 24 horas para percorrer un tramo de 101 quilómetros que discurrirá polos concellos de Narón, Ferrol e Valdoviño, se ben os ciclistas terán un tempo máximo de 12 horas para completar ese percorrido, con saída e meta no paseo marítimo de Xuvia. Os marchadores poderán inscribirse na modalidade de marcha individual ou por equipos; os ciclistas nas de individual, parellas ou equipos e tamén haberá a opción de e-bike, na modalidade de individual.